A piscina de Pontemuíños, lista para acoller a gran cita da natación galega

Pontevedra
05 de xullo 2017

O complexo deportivo pontevedrés será escenario desde este xoves 6 de xullo ata o domingo día 9 do Campionato Galego Absoluto, Junior e Infantil de verán, coa presenza de máis de 400 nadadores

Miguel Cano e Anxos Riveiro presentan o Campionato Galego Absoluto de natación
Miguel Cano e Anxos Riveiro presentan o Campionato Galego Absoluto de natación / PontevedraViva

Pontevedra converterase unha vez máis en centro de atención da natación autonómica coa celebración do Campionato Galego Absoluto, Junior e Infantil de verán.

A piscina olímpica de Pontemuíños será sede dun campionato que se desenvolverá durante catro xornadas, desde este xoves 6 de xullo ata o domingo día 9.

Un total de 425 nadadores e nadadoras de 27 clubs galegos danse cita na competición, sendo o máis numeroso en representación o anfitrión, o Club Natación Galaico, con 38 deportistas entre os que destacan a olímpica Bea Gómez Cortés e a flamante tripla subcampioa de Europa junior Águeda Cons.

As xornadas de competición dividiranse cada unha delas en eliminatorias (desde as 9:30 horas) e finais (a partir das 17:30 horas).

Unha cita na que o Galaico aspira a manter a súa condición de mellor club galego e que servirá de pedra de toque para os inminentes campionatos de España de verán.

A entrada para o público será de balde durante toda a competición.