A Ponte do Burgo, estadio de atletismo por un día

Pontevedra
17 de agosto 2020

A Sociedade Ximnástica organiza o sábado 22 de agosto a partir das 19.30 horas unha nova edición do festival atlético Saltar  na  Rüa coa participación dos 18 mellores  saltadores de Galicia.

Presentación da edición do 2020 de Saltar na Rúa
Presentación da edición do 2020 de Saltar na Rúa / PontevedraViva

A Sociedade Gimnástica volverá organizar este ano unha nova edición do Saltar na Rüa. Un evento que ten como obxectivo sacar o atletismo á rúa. E este ano o escenario será a renovada ponte do Burgo, no que se instalarán todos os elementos necesarios para que 18 dos mellores saltadores de Galicia demostren a súa habilidade no salto de lonxitude, triplo salto e salto con pértega.

"A Ponte do Burgo é agora unha praza máis da cidade", destacou o director deportivo da escuadra lerezana, Santi Ferrer, durante a presentación da cita que tivo lugar este luns no Concello de Pontevedra. "Haberá máxima seguridade e poñeremos todos os medios para que sexa unha xornada espectacular, como todos os anos", engadiu o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, que substituíu ao edil de Deportes, Tino Fernández, que non puido asistir. Tamén participou Charo Castro, a presidenta da Ximnástica, que animou á poboación para achegarse a presenciar o evento.

O inicio da competición está previsto o sábado para as 19.30 horas. En total participarán 18 atletas especialistas en saltos procedentes de diversos clubs de Galicia. En representación do equipo pontevedrés estarán os seus mellores saltadores David Ferrer, Raúl Cortizo e Santi Ferrer; que non llo poñerán fácil a atletas do nivel de Alfonso Palomanes, Miguel Cajaraville ou Alba Cums.