A pontevedresa Silvia Aguete convértese na porteira con máis partidos na Selección Española

Pontevedra
20 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Así o revelou a Real Federación Española de Fútbol, tras superar a gardameta a barreira dos 66 encontros co equipo nacional. "Estar á altura de grandes porteiras como Barberá ou Belén para min é un orgullo", asegura Silvia

Silvia Aguete, nun partido coa Selección Española
Silvia Aguete, nun partido coa Selección Española

Silvia Aguete é, por méritos propios, unha das grandes figuras do fútbol sala nacional, e é que a pontevedresa protagonizou unha longa traxectoria coa Selección Española, ademais da nivel de clubs, na que sumou tres títulos de campioa de Europa.

Agora, coincidindo cos encontros internacionais que estes días disputou España fronte a Brasil e Portugal, Silvia superou a barreira dos 66 encontros internacionais coa Selección, segundo revela a Real Federación Española de Fútbol (RFEF).

Más de dez anos pasaron da súa estrea con España, en novembro de 2013. "Foi nas Azores hai moitísimo tempo e si que teño un pequeno recordo dese momento, dos sentimentos que tiña. Foi unha sensación incrible porque ao final como deportista sempre queres aspirar a chegar á Selección Española", rememora a gardameta nun vídeo difundido pola RFEF.

"Ser parte da Selección Española claro que é moi bonito, pero é unha esixencia constante e é díficil, por iso eu valoro moitísimo, estar á altura de grandes porteiras como Barberá ou Belén para min é un orgullo", asegura a actual futbolista do Torreblanca Melilla.

Polo camiño chegaron tres Europeos, sendo o primeiro deles en Portugal "a mellor sensación que tiven a nivel deportivo" polo que supoñía, e é que segundo revela "cada vez que o lembramos as xogadoras que estivemos nese Europeo se nos pon a pel de galiña".

Chegarían dous campionatos máis, todo un fito para o seu deporte. "Realmente creo que non somos concientes do que custa conseguilo", afirma a que en 2020 foi recoñecida como mellor porteira do mundo polo seu papel protagonista coa Selección e a súa traxectoria por aquel entón nas filas do Poio Pescamar.

Coas súas últimas internacionalidades Silvia Aguete supera en número de partidos coa Selección Española a Vanessa Barberá Martínez (64 partidos) e a Belén de Uña Marzo (59 encontros).