A por tres puntos que valen un play-off

Pontevedra
05 de maio 2017

O Pontevedra ten dúas oportunidades para pechar a súa presenza no play-off de ascenso a Segunda División, pero quere deixalo feito canto antes e para iso debe vencer este sábado (20:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ao xa descendido Arandina. Mario Barco, única baixa nos granates

Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe Mónica Patxot

Dúas oportunidades ten o Pontevedra Club de Fútbol para certificar a súa presenza no play-off de ascenso a Segunda División. 

Depende de si mesmo, xa que lle vale con lograr un triunfo nas dúas últimas xornadas da liga regular, pero o equipo granate non quere demoralo máis do necesario.

Por iso a concentración é máxima nos de Luisito para vencer este sábado (20:00 horas) ao xa descendido Arandina no Estadio Municipal de Pasarón, o que lles permitiría celebralo cunha afección que esperan se mobilice para a cita.

Chega o Pontevedra despois de cinco xornadas sen gañar pero convencido de deixar atrás o seu mal momento de resultados na fase decisiva do campionato, e co aviso do sucedido nas Somozas, cando se viu sorprendido por un conxunto que matematicamente xa era de Terceira División.

Será ademais un encontro ante o peor visitante da competición, xa que os burgaleses só sumaron 10 puntos a domicilio en toda a tempada (1 vitoria, 7 empates e 10 derrotas), aínda que a ausencia de presión para eles pode supoñer unha arma de dobre fío.

Luisito contará cunha única baixa para o encontro, a do lesionado Mario Barco, xa que Portela está en condicións de reaparecer se o técnico granate o considera oportuno, do mesmo xeito que Álex González tras cumprir un partido de sanción. Desta forma serán 20 os futbolistas dispoñibles, polo que se realizarán dous descartes para completar a convocatoria unha vez o equipo chegue a Pasarón.

O colexiado do encontro será o catalán Víctor García Verdura.