O Club Cisne Balonmán segue a dar forma ao plantel coa que competirá a próxima campaña na División de Honra Prata, e faino cunha renovación importante nos esquemas do equipo.
Trátase da continuidade de Iván Calvo, un dos especialistas defensivos do persoal e cuxa renovación era unha das prioridades da entidade tras a saída de Alejandro Conde.
Calvo afrontará deste xeito a súa sexta campaña no Cisne, club no que aterrou no verán de 2019 procedente do Lavadores e no que se converteu en peza fundamental tanto en Prata como nas dúas campañas na Liga Asobal.
Coa súa renovación son xa seis os xogadores confirmados para a próxima tempada, xunto aos tamén renovados Manu Lorenzo, Gualther Furtado e André de Moura e os fichados Iago Costas e Dani Virulegio.