A RFEF dá a razón ao Pontevedra e o seu equipo xuvenil ascende a División de Honra

Pontevedra
14 de xuño 2021

O conxunto granate e o Coruxo concluíron este domingo a competición empatados a 42 puntos na última praza de ascenso, dando pé a unha disputa entre ambos os clubs ante a diferente interpretación que ofrecía a normativa en caso de desempate. O Xuíz Único de Competición aclarou a situación dando a razón aos pontevedreses

Partido da Liga Nacional Xuvenil entre Pontevedra e Alondras en Pasarón Cristina Saiz

Cun día de atraso e sen poder celebralo sobre o terreo de xogo como merecerían os xogadores, pero o Pontevedra Club de Fútbol xuvenil xa é equipo de División de Honra.

O Xuíz Único de Competición da Real Federación Española de Fútbol deu a razón este luns aos granates, que tras o seu triunfo ante o Alondras finalizaran a liga con 42 puntos, os mesmos que o Coruxo empatados na última praza de ascenso á máxima categoría xuvenil.

Esa situación abriu unha disputa legal entre ambos os clubs, que entendían que lle pertencía o ascenso ante a complexidade da normativa nun ano como o actual. O conxunto vigués alegaba que vencera no enfrontamento directo entre ambos os dous e que ese aspecto decantaba o desempate ao seu favor, pero o Pontevedra aludía que a segunda fase da competición disputouse a unha soa volta polo que o propio era acudir ao average xeneral para decidir, tal e como defendía pola súa banda a Real Federación Galega de Fútbol. 

Estudando o caso o Xuíz Único decantouse pola segunda opción recoñecendo que "da lectura conxunta da Base de Competición e do artigo 201 do Regulamento Xeral despréndese que existe unha disparidade ou contradición no relativo á dilucidación de empates entre dous clubs". Con todo, sinala na súa resolución "esta disparidade de criterios entre as Bases de Competición e o Regulamento Xeral, debe resolverse a favor da interpretación deste último por un criterio de xerarquía normativa, xa que, a Disposición Final Primeira ao Regulamento Xeral di que calquera disposición contida en circulares, bases de competición ou calquera outro tipo de norma que a RFEF publique no exercicio das súas competencias, non poderá vulnerar ou contradicir o disposto no presente Regulamento, entendéndose, en caso contrario por non posta".

"En consecuencia, o empate existente entre os citados clubs debe resolverse a favor do Pontevedra C.F. pola maior diferenza de goles tendo en conta todos os encontros do campionato", conclúe o responsable de Competición lembrando que nesta estatística os granates acabaron a liga cun +23 e o Coruxo cun +13.

Esta resolución "esgota a vía federativa", sinala o texto facendo oficial por tanto o ascenso a División de Honra do xuvenil do Pontevedra, á que regresa dúas tempadas despois.