A Real Federación Española de Fútbol acaba de facer oficial a declaración de competicións profesionalizadas as ligas de ámbito estatal de Primeira e Segunda de fútbol feminino, Primeira e Segunda de fútbol sala masculino e Primeira de fútbol sala Feminino, "nun paso máis por avanzar no desenvolvemento destas disciplinas deportivas", recolle o comunicado da federación.
Este feito afecta directamente ao Poio Pescamar que, aínda que a maior parte do plantel e corpo técnico xa contaba cun contrato profesional, beneficiarase do impulso da Federación. "É algo que se solicitou, esperemos que sexa todo beneficio. O mellor que nos podería pasar é que nos televisen", comenta o presidente do cadro vermello, Juanjo García, minutos despois de decatarse da noticia.
Ata o momento, estas competicións eran consideradas como de fútbol afeccionado, pero a RFEF presentou unha modificación dos seus estatutos, aprobada polo CSD, que permite establecer esta cualificación para aquelas competicións que reúnan condicións materiais, económicas, profesionais e laborais que o fagan aconsellable.
A cualificación de competición profesionalizada supón que nas bases da competición haberá unha serie de requisitos sobre a profesionalidade das e dos futbolistas e outros participantes na mesma, por exemplo os técnicos. Nestas normas fixaranse tamén as condicións mínimas de carácter laboral que deberán reunir os participantes, como o orzamento dos clubs, posible orzamento mínimo para o persoal con contrato de traballo do primeiro equipo, número mínimo de licenzas profesionais, salarios mínimos para competir ou dedicación mínima das e os xogadores profesionalizados, entre outros aspectos.
De forma inmediata, crearanse tres comités de competición profesionalizados distintos. Un para a Primeira e Segunda División de Fútbol Feminino, outro para a Primeira e Segunda División de Fútbol sala e outro para o Primeira Fútbol sala Feminino.