A segunda etapa da Copa Galicia de Ciclocrós inaugura o circuíto sanxenxino de Nantes

Sanxenxo
27 de novembro 2020

Irene Trabazo e Daniel López defenderán o liderado na categoría elite conseguido a pasada fin de semana na primeira proba do campionato autonómico celebrada en Marín

Participantes na Copa Galicia de Ciclocrós celebrada en Chan de Gagán Cristina Saiz

A Copa Galicia de Ciclocrós repite etapa na provincia de Pontevedra por segunda semana consecutiva. Despois celebrar a primeira proba no circuíto de Marín, a caravana desprázase este sábado ao polígono de Nantes, en Sanxenxo, para inaugurar o novo circuíto deste localidade

O club ciclista Corbelo é o encargado de organizar esta cita que reunirá a 193 participantes procedentes de distintos recunchos de Galicia. Todos os deportistas deben presentar unha proba PCR negativa para poder ser inscritos na competición que se celebrará sen pública e en formato burbulla para protexer aos corredores, que só poderán contar coa asistencia dun auxiliar.

A xornada comezará ás 13 horas coa saída dos cadetes e 45 minutos máis tarde irán saíndo os distintos grupos de idade de categoría máster. Pola tarde, ás 16.30 horas comezará a última proba coa ciclistas elite, sub 23 e júnior tanto masculino como feminino.

Os encargados de defender o liderado conseguido na primeira proba son Irene Trabazo ( XSM) e Daniel López (Cambre) en elite, así como Carla Fernández (Río Miera) e David Fernández (Avanza) en sub23.

CALENDARIO REDUCIDO

O Concello de Boiro comunicou este xoves a suspensión de proba decana desta disciplina en Galicia. O Club Ciclista Barbanza decidiu non organizar a súa tradicional proba de ciclocrós, que este ano cumpriría a súa edición número 34,, como consecuencia da escalada de casos de covid-19 na comarca.