Irene Trabazo logra o ouro na segunda proba de Copa Galicia de Ciclocrós disputada en Sanxenxo

Sanxenxo
29 de novembro 2020

A marinense Irene Trabazo (XSM, 49:42) volveu facerse co primeiro posto na proba da Copa Galicia de Ciclocrós en categoría elite feminina ao alcanzar a meta cunha diferenza de case 5 minutos coa segunda clasificada, María Jesús Barros do Spol

Irene Trabazo, na primeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós na Illa das Esculturas
Irene Trabazo, na primeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós na Illa das Esculturas / Mónica Patxot

A Copa Galicia de Ciclocrós fixo parada esta fin de semana en Sanxenxo. Despois de celebrarse a primeira proba no circuíto de Marín, os participantes desprazáronse este sábado ao polígono de Nantes para inaugurar o novo circuíto desta localidade.

A xornada comezou ao redor das 13:00 horas coa saída dos cadetes masculinos e femininos, 45 minutos despois saíron os grupos de idade de categoría máster e, xa pola tarde, comezou a proba da ciclistas elite, sub 23 e júnior tanto masculino como feminino.

A marinense Irene Trabazo (XSM, 49:42) volveu facerse co primeiro posto en categoría elite feminina ao alcanzar a meta cunha diferenza de case 5 minutos coa segunda clasificada, María Jesús Barros (Spol) e case 6 da terceira, Xiana Conde (Academia Postal-Maceda). En categoría masculina Saul Lóez (Maceda, 56:29.4) quitou o primeiro posto a Daniel López (Cambre), que logrou a prata. O bronce foi para Jorge Punzón do Cosmos.

En sub23 e júnior os campións desta segunda proba do campionato galego foron David Fernández (Avanza-O Porriño, 59:58) en sub 23 e Martín Buba (Coruxo, 40:59) en júnior, mentres que na feminina fixéronse co ouro Carla Fernández (Río Miera) en sub23 e Sofía Álvarez (Cambre) en júnior.

O podio masculino da categoría cadete foi o mesmo que o da proba disputada en Marín coa condición de que, nesta ocasión, Danny Jan Buba (Coruxo) foi segundo e Héctor García (Poio Bike) terceiro. Andre Martínez (Avanza O Porriño, 26:13.0) volveu facerse coa medalla de ouro. En feminino, María Filgueiras (Caimanes Betanzos, 29:18.5) desbancou do primeiro posto a Uxía Soto (Avanza O Porriño), que foi segunda. En terceiro lugar chegou Aroa Otero (Avanza A.D.).

En Máster 30 masculino repetiuse o podio da competición disputada en Chan de Gagán. Rubén Deaño (Ourense Termal, 41:11.5) volveu facerse co ouro, seguido de Andrés Calvete (Monte Xalo) que foi segundo e de Roberto Rodríguez (Bicicletas Chinquena), que foi terceiro. Pola súa banda, en feminino a vencedora foi Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas), seguida de Montserrat Martínez (Ciclismo Oiense) e de Liza Mabel Caballero (Cycling Teamo Cabanas).

En Máster 40 masculino o primeiro posto foi para Marcos Mayo (BTT O Treito, 41:58.4) o segundo para Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) e o terceiro para José Rodríguez (Norinver Cycling). En 40 feminino a medalla de ouro foi para Natalia Raña (Corbelo), a prata para a súa compañeira de equipo, Sonia Costoya, e o bronce para Mónica Alarcón (Máster da Louriña). En 50 masculino Manuel Castro do BarbanzaBike foi o primeiro en alcanzar a meta cun tempo de 46:47.7, e seguírono José María Magariños do Condado Bike e Manuel Ángel Rodríguez do Máster Galaico. En Máster 60 venceu Constante Lestido de Ou Trisquel e segundo foi José Manuel González do Maceda.