O frío e a choiva fixeron aparición na terceira proba puntuable da Copa Galicia de Ciclocrós, disputada este martes 8 de decembro en Santiago de Compostela.
Con eses ingredientes a lama fixo aparición por primeira vez esta tempada facendo moito máis esixente o circuíto deseñado nas inmediacións do estadio Vero Boquete San Lázaro, e o certo é que os dous grandes favoritos ao triunfo cumpriron as expectativas.
Un deles era a marinense Irene Trabazo, que se exhibiu na proba elite e sub-23 feminina prolongando o seu pleno de vitorias no certame autonómico.
Trabazo (XSM) gañou cunha ampla marxe sobre os seus rivais, ao chegar a meta cun tempo de 54 minutos e 15 segundos, superando en máis de 6 minutos á segunda clasificada Xiana Conde (Maceda). Completou o podio María Jesús Barros (Spol).
Pola súa banda na carreira masculina o sub-23 Iván Feijóo estreouse esta campaña na Copa Galicia tras o seu histórico terceiro posto nunha proba da Copa do Mundo, e fíxoo remontando desde os últimos postos e situándose na cabeza antes de que concluíse xa a primeira volta. Foi tamén un triunfo contundente que tivo a Daniel López (Cambre) na segunda posición e a Brais Sendín ( Louriña) na terceira.
Héctor García (Poio Bike Club) asinou á súa vez unha meritoria segunda posición na categoría cadete.