A Selección Española de fútbol sala xogará en Pontevedra o 2 de abril ante Finlandia

Pontevedra
08 de marzo 2018

A Real Federación Española de Fútbol fixo oficial este xoves os primeiros compromisos do combinado nacional tras o seu recente subcampionato de Europa, sendo a Boa Vila a primeira parada dunha concentración de 4 días que tamén lles levará a Ferrol

Final da Eurocopa de fútbol sala entre España e Portugal
Final da Eurocopa de fútbol sala entre España e Portugal

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra acollerá este ano un novo partido internacional, esta vez da Selección Española Absoluta de Fútbol Sala.

A Real Federación Española de Fútbol fixo oficial este xoves os primeiros compromisos do combinado nacional tras o seu recente subcampionato de Europa, conseguido o pasado mes de febreiro en Eslovenia.

Finlandia será o rival da selección adestrada por José Venancio, que afrontará catro días de concentración en Galicia cun dobre compromiso amigable.

O equipo español chegará a Pontevedra o domingo 1 de abril, e será un día despois, o luns 2 de abril, cando os afeccionados da  Boa Vila poidan gozar do espectáculo do mellor fútbol sala a partir das 19:30 horas.

Ao día seguinte, ás 20:00 horas, España e Finlandia volverán ver as caras no pavillón ferrolán da Malata.