A Subida a Pontevedra repite percorrido pola beira do Almofrei

Pontevedra
16 de xullo 2019

A proba é puntuable para o Campionato Galego de Montaña e a escuadra organizadora, que tivo que abandonar a contorna de Marcón pola instalación de  lombos, espera a participación de máis de sesenta vehículos

XXI Subida Cidade de Pontevedra Diego Torrado

Os motores volverán ruxir esta fin de semana na cidade coa celebración da vixésimo segunda edición da Subida a Pontevedra que, por segundo ano consecutivo, terá a estrada que conecta Bora e Carballedo como velódromo improvisado.

A escuadra Ciudad de Pontevedra, presidida por Florentino Leiro, tivo que abandonar o habitual circuíto de Marcón pola instalación de lombos que impiden o paso de coches a toda velocidade o que permitiu á proba regresar ás súas orixes.

A cita terá lugar o sábado 20 e o domingo 21 de xullo e o parque móbil volverá estar situado na praza de España para achegar a proba, os pilotos e os coches ao gran público. A saída das dúas primeiras manga terán lugar o sábado a partir das 16 horas desde Bora.

Os pilotos percorrerán 3,5 quilómetros e medio pola estrada PO-233 que bordea o río Almofrei, para terminar na localidade que leva o seu nome. As dúas últimas mangas disputaranse o domingo desde as 9.30 horas.

"Esta proba sempre ten unha alta participación", dixo o concelleiro de deportes, Tino Fernández, durante a presentación do evento que tivo lugar este martes no Concello. E o presidente da escuadra organizadora confirmouno, aínda que o prazo de inscricións está aínda aberto.

"Esperamos sobre 60 ou 70 vehículos", dixo Leiro. E entre eles estará o principal favorito a revalidar o Campionato Galego de Montaña, Alexis Viéitez.

Desde a organización esperan a presenza de numerosos espectadores, polo que fan un chamamento á prudencia e piden que respecten as medidas de seguridade e se colóquen nas zonas habilitadas para o público.