A vixésimo terceira edición da Subida Cidade de Pontevedra, que estaba prevista para os días 16 e 17 de xullo, queda suspendida polas dificultades da escudería organizadora para reunir o orzamento necesario para a realización dunha proba deste tipo.
Despois de pedir desculpas tanto aos pilotos como aos afeccionados por este imprevisto, o presidente da escudería Ciudad de Pontevedra, Florentino Leiro, confirma o firme compromiso de retomar a competición o próximo ano.
Con todo, a edición do 2023 pode chegar con novidades no circuíto. Despois de realizar as últimas edicións en Almofrei, os organizadores estudan o traslado da subida á localidade do Pontillón do Castro.
Nas próximas semanas, Leiro iniciará os contactos coas persoas implicadas nunha competición deste tipo para confirmar a sede dunha das subidas máis emblemáticas do calendario de rally de montaña en Galicia e comezar coa tramitación para a organización da próxima subida.
A pesar da suspensión da proba, a actividade da escudería pontevedresa non cesa. "Estamos a colaborar con outras escuderías na organización doutras subidas", explica o presidente Leiro. Ademais, o mes que vén teñen previsto comezar a conceder licenzas a novos pilotos que representarán á escudería Ciudad de Pontevedra en diferentes competicións de motor.