A United World Wrestling rectifica e mantén o sistema de clasificación para Tokio 2021

Pontevedra
19 de xuño 2020
Actualizado: 20:43

A federación internacional anunciara a cancelación de todos os clasificatorios para os Xogos Olímpicos previstos para o 2020 e o 2021 e e que tería en conta tres campionatos xa celebrados para asignar as prazas para a cita xaponesa, algo que finalmente non ocorrerá

Lydia Pérez durante unha competición
Lydia Pérez durante unha competición / Federación Galega de Loitas Olímpicas

En cuestión de horas a federación internacional de loita pasou de tirar por terra o soño olímpico de centos de deportistas a devolverlles a ilusión. Todo por un comunicado a través do que cancelaba a organización de campionatos clasificatorios para Tokyo 2021 para, horas despois, emitir outro no que anulaba calquera tipo de cambio.

Nun primer momento, a federación internacional de loita, a United World Wrestling, fixo chegar un comunicado a todos os seus deportistas federados no que informaba da cancelación de todas as competicións clasificatorias para os Xogos Olímpicos de Tokyo 2021 e que faría uso dos ranking de tres campionatos xa celebrados para asignar as prazas olímpicas aos loitadores de todo o mundo.

Unha decisión que deixaría sen opcións aos loitadores galegos Pablo García e Lydia Pérez. A loitadora pontevedresa centrou toda a súa preparación dos últimos anos na clasificación para a cita olímpica de Xapón. "Despois da corentena e seguir adestrando, que agora cho quiten así de súpeto é un chasco", lamentaba moi frustrada a deportista tras coñecer a noticia para pasar logo a recobrar a ilusión.

O comunicado da UWW recollía que o sistema de clasificación para Tokyo 2021 consistiría nos resultados dos seguintes torneos: campionato do mundo do 2019, os campionatos continentais do 2020 e as series de Roma do 2020. Puntualizaba ademais que calquera outro torneo deste ámbito celebrado no 2021 si puntuaría para elixir ao mellor loitador do ano pero non computaría a efectos clasificatorios para os Xogos.

Ademais fixaba para outubro do 2021 o campionato do mundo de Oslo e suspendía todas as copas do mundo deste ano e o seguinte.

"Se isto vai cara adiante, ninguén en España estará clasificado e deixa un baleiro de obxectivos. A tempada xa non ten sentido. No caso de Lydia queda só o mundial sub 23", declaraba o adestrador do CGTD, Marcos Miragaya coa esperanza, que finalmente fíxose realidade, de que a United World Wrestling rectifique.