A xamaicana Yanique Gordon é a pívot elixida polo Arxil

Pontevedra
11 de agosto 2015

A xogadora asina co club pontevedrés para reforzar o xogo interior do equipo tras a marcha de Maimouna Diarrá. Procede da Universidade Central Florida da NCAA

Yanique Gordon na súa etapa na Universidade Central Florida
Yanique Gordon na súa etapa na Universidade Central Florida / Universidad Central Florida (UCF)

O Arxil xa ten recambio para Maimouna Diarrá na posición de pívot. Trátase da xamaicana Yanique Gordon.

Procede da Universidade Central Florida da liga universitaria estadounidense (NCAA), onde a última tempada alcanzou 5,5 puntos e 6,2 rebotes por partido.

As súas características son moi diferentes ás de Diarrá, xa que se caracteriza por ser "áxil e rápida" cunha estatura de 1,93 metros coa que espera dar "máis versatibilidade no xogo ofensivo", segundo explica o coordinador do club Lino Vázquez.

Ademais no último Campionato Caribeño, no que xogou coa selección de Xamaica, colaborou no subcampionato do seu equipo alcanzando 10,6 puntos e 4,8 rebotes por partido.

Con esta fichaxe, a segunda, o Arxil reforza unha posición clave á espera de confirmar as últimas renovacións e dar por pechado o plantel que competirá un ano máis na Liga Feminina 2.