Aarón González asina un inicio de tempada en modo MVP

Marín
23 de febreiro 2022

O púxil marinense foi elixido pola Federación Española de Boxeo como o mellor da xornada da Liga Visornets que enfrontou ao seu equipo con The Boxer Club 

Aarón González despois de combatir no País Vasco coa selección galega Team Thunder

A Federación Española de Boxeo recoñeceu a Aarón González tras o seu bo facer no segundo encontro da Liga Visornets, competición nacional na que participa defendendo á franquía Le Blue Guardamar.

O púxil marinense foi elixido como o mellor da xornada (MVP) no encontro que enfrontou aos seus con The Boxer Club.

Nesta cita Aarón defendeu ao seu equipo no peso medio medíndose a boxeador alxerino Telbirt  Badreddine, rival fisicamente con máis corpo que lle puxo contra as cordas, pero o campión de España repúxose para terminar dominando e dar a vitoria ao seu club.

Ao final Le Blue Guardamar impúxose na xornada da liga nacional por 5-1.

Un inicio de tempada que achega un reforzo de moral para o marinense de cara os próximos obxectivos que aparecen no seu radar.