Con paso firme avanza Aarón González na súa defensa do título de campión de España elite de boxeo olímpico.
Despois de superar no seu primeiro combate ao campión cántabro Brian Forero, o púxil marinense meteuse este xoves nas semifinais do torneo que se está disputando en Córdoba.
Fíxoo tras vencer a Carlos López na rolda de cuartos de final nun combate que dominou durante os seus tres asaltos.
A pesar da vertixinosa saída do seu rival, o representante do Team Thunder de Marín levou o duelo ao seu terreo convencendo aos xuíces.
Agora espera en semifinais un óso duro de roer, o que posiblemente sexa o mellor boxeador do panorama nacional na actualidade, Youba Sissoko, recente campión dos Xogos do Mediterráneo.