Aarón González, ouro no Campionato de España de Boxeo

Marín
05 de xullo 2021

O púxil marinense levou a medalla de ouro a pesar de caer na final do torneo nacional celebrado en Palencia, ao non poder optar ao título o seu rival por ser un deportista estranxeiro

Aarón González, tras conseguir en Palencia o ouro no Campionato de España de Boxeo
Aarón González, tras conseguir en Palencia o ouro no Campionato de España de Boxeo / Team Thunder

Os resultados seguen acompañando esta tempada a Aarón González, a pesar das dificultades que tivo que afrontar nos últimos meses.

O púxil marinense regresou do Campionato de España de Boxeo Olímpico en categoría Elite celebrado en Palencia coa medalla de ouro ao pescozo.

É unha medalla agridoce, aínda que todo un premio ao seu traballo e momento de forma, e é que chega a pesar de perder na final do torneo nacional, pero ao enfrontarse a un rival que a pesar de representar a Cataluña era de orixe estranxeira non podía optar ás medallas. Esa derrota fronte a Elías Sebastián Pinoargote non embaza en todo caso o seu bo campionato, ao superar tres esixentes roldas previas fronte aos representantes de País Vasco, Madrid e Comunidade Valenciana.

"Non soamente estou orgulloso polo combate (que perdo, pero ao ser o meu rival estranxeiro non lle conta como vitoria para o campionato), senón polo campionato e por unha tempada espectacular. Conseguimos algo que non saía nos últimos anos, que era poder estar a competir ao nivel dos mellores. Podemos pechar o curso dicindo que foi a mellor tempada da miña carreira deportiva a pesar de todo o que estamos a vivir", explicou tras a competición o deportista do Team Thunder de Marín.

 

Este resultado únese aos conseguidos nos últimos meses como a medalla de prata no Campionato de España de Clubs, sendo ademais un gran broche á súa tempada.