Destacado papel do Team Thunder de Marín no Campionato de España de Boxeo Olímpico de Clubs celebrado na localidade murciana de Los Alcáceres.
Aarón González conseguiu facerse co título no peso welter, despois de vencer na final ao valenciano Rubén Martínez nun combate difícil ante un rival que buscaba o K.O. desde o inicio.
As puntuacións dos xuíces foron positivas para o marinense, favorecido ademais pola amoestación ao seu rival no segundo asalto por propinar golpes baixos.
Tamén se desprazou a Murcia Rocío Suárez, que caeu na final do peso minimosca ante a aragonesa Silvia Otero nunha decisión axustada dos xuíces.
Con estes resultados o Team Thunder pecha un ano moi positivo, no que tamén sumou medallas no Campionato de España de Formas (Carlos Rodríguez) e Xove Feminino (Alba Pedrosa).