Aarón González vence no IV Torneo Internacional da Amizade

Marín
25 de setembro 2018

O boxeador marinense levou a medalla de ouro na competición organizada pola Federación Catalá de Boxeo e que contou coa participación de deportistas de Francia, Italia, Suíza e Irlanda

Aarón González no Torneo Internacional da Amizade Team Thunder Marín

Á terceira vez foi a vencida para Aarón González no Torneo Internacional da Amizade.

O boxeador do Team Thunder de Marín quedou en anteriores ocasións fóra da final, pero nesta ocasión conseguiu facerse coa medalla de ouro na competición organizada pola Federación Catalá de Boxeo e na que tomaron parte deportistas de Francia, Italia, Suíza e Irlanda.

González competiu coa Selección Galega e tras superar na semifinal o representate irlandés Vincent Esler loitou polo triunfo co catalán Adrián Fernández, vencendo por decisión unánime dos xuíces.

Este resultado achega unha boa dose de moral ao deportista marinense no inicio dunha tempada na que se marcou obxectivos ambiciosos.