Fixéronse de rogar, pero chegaron con promocións para os socios do Pontevedra Club de Fútbol.
O club granate deu a coñecer este xoves o prezo das entradas para o partido de segunda rolda da Copa do Rei contra a SD Eibar da Segunda División.
O choque disputarase o vindeiro mércores 3 de decembro ás 21.00 horas no Estadio Municipal de Pasarón.
Un duelo que finalmente poderán presenciar sen custo todos os abonados do Pontevedra, segundo confirmou a entidade da Boa Vila.
Inicialmente só aqueles que renovaron o seu carné na primeira fase da campaña, alá polo mes de xuño, tiñan incluído no seu abono a Copa, pero nesta primeira oportunidade na casa o acceso será de balde para a totalidade de socios, sexa cal sexa a súa categoría.
Ademais os abonados 'GRANATE®️' (os que renovaron nesa primeira fase) poderán retirar unha entrada para un acompañante ao 50% de prezo.
No que respecta ás localidades para público xeral fixáronse en 15 euros nos fondos, 20 euros en Preferencia e 25 euros en Tribuna.
A entrada para os menores entre os 6 e os 17 anos estableceuse en 10 euros en Tribuna e 5 euros no resto de bancadas, con acceso gratuíto para os menores de 6 anos.
Á primeira Copa invitamos nós 😊🏆
— Pontevedra CF 🦴 (@PontevedraCFSAD) November 27, 2025
👉 TODOS os abonados (GRANATE e GRANATE®️) entran gratis co seu abono de tempada
👉 Os abonados GRANATE®️ terán unha entrada de adulto a maiores ao 50%#CopaDelReyMAPFRE #LaCopaMola 🏆 pic.twitter.com/mbzmF8rMDs