Rubén Domínguez ve o Eibar como "un coco" da Segunda División

Pontevedra
11 de novembro 2025
Actualizado: 14:14

O adestrador do Pontevedra asegura que afrontarán a segunda rolda de Copa "coa máxima ambición e ilusión de poder pasar a eliminatoria"

Adestramento do Pontevedra 25-26 en A Xunqueira
Adestramento do Pontevedra 25-26 en A Xunqueira / Cristina Saiz

"Coa máxima ambición e ilusión de poder pasar a eliminatoria".

Así afronta o Pontevedra Club de Fútbol a segunda rolda da Copa do Rei, na que se enfrontará a un equipo da Segunda División como a SD Eibar.

Son palabras do adestrador granate, Rubén Domínguez, valorando o sorteo celebrado na sede da Real Federación Española de Fútbol.

O técnico lembra que "o reto cando fomos a Ourense era traer a un equipo do fútbol profesional", e nese sentido o Eibar é un dos equipos importantes da categoría de prata do fútbol nacional.

"Estivo moitos anos en Primeira División e agora leva catro en Segunda co obxectivo do ascenso, por tanto vénnos visitar un coco da categoría", asegura Domínguez.

O preparado dos pontevedreses defendeu que o obxectivo do plantel que dirixe é poder competir por pasar de rolda e así "seguir dando á cidade de Pontevedra máis noites de Copa".

En todo caso antes do compromiso copeiro en Pasarón, previsto para a primeira semana de decembro, os granates deben aínda centrarse na liga con tres xornadas por celebrarse.

En concreto antes de recibir ao Eibar o Pontevedra xogará en liga contra o Mérida na casa (sábado 15 de novembro), Lugo a domicilio (22 de novembro) e Guadalajara en Pasarón (29 de novembro).