O Pazo da Cultura foi escenario este luns dunha acalorada Xunta Xeral de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol, a pesar de que se aprobaron por maioría a totalidade dos puntos incluídos na orde do día.
De novo o grupo opositor á actual dirección do Consello de Administración, representado por José Luis Tilve pero tras o que se atopa o empresario Manuel Abal Camiña a través das empresas Meañomar, Marabal e Inversiones y gestiones alimenticias S. L., mostrouse discordante coas decisións da entidade posicionándose en contra ou absténdose nas diferentes votacións. Con todo, ao representar só o 37,29% do accionariado presente (acreditouse o 90,72% dos accionistas) non conseguiron botar abaixo ningunha das propostas do Consello encabezado por Lupe Murillo.
Tras estas discusións, como a relativa á contratación dunha empresa de auditoría na que a presidenta chegou a sinalar ao representante do grupo opositor que "no todos nos vendemos por dinero como usted", resultou rechamante que este grupo non chegase a presentar a un candidato propio a sentar no Consello de Administración, como así esixiron na anterior xunta, ante a vacante deixada por Luis Durán, que finalmente foi reelixido por un período de cinco anos.
A presidenta granate pola súa banda comezou a Xunta recoñecendo a "incomodidad y malestar por tener que anunciar unos resultados tan positivos dentro de un espíritu de preocupación como el que sentimos", sinalou en relación ao mal momento deportivo, pero mostrouse convencida de poder superar esa xeira negativa para "que este club siga creciendo".
As discrepancias centráronse tamén na quenda de rogos e preguntas pola marcha deportiva do equipo e finalizaron cunha dura intervención do conselleiro Alberto Argibay pedindo "profesionalización" na dirección deportiva en alusión ao seu compañeiro de dirección Roberto Feáns. Con todo no plano económico poucas foron as obxeccións ao presentar o Pontevedra superávit por terceiro ano consecutivo e sinalar Lupe Murillo que "el club está siendo saneado más rápido de lo previsto".
En concreto os números presentados aos accionistas reflicten un peche da tempada pasada cun superávit de 43.535 euros despois de impostos, grazas a uns ingresos totais de 1.191.367 euros e a uns gastos de 1.147.832 euros.
A pesar desta cifra positiva, a débeda coa que conta actualmente o Pontevedra Club de Fútbol sitúase en 1.229.750 euros, o que supón un incremento de 41.116 euros debido a que se tiveron que provisionar 150.413 euros para afrontar a indemnización ao ex-adestrador Milo Abelleira tras a sentenza xudicial derivada do seu despedimento e que foi recorrida.
Como é habitual, na Xunta Xeral de Accionistas do club deuse a coñecer o orzamento para a tempada en curso e que reflicte un importante incremento ao situar a previsión de ingresos en 1.187.500 euros (242.000 euros máis que os orzados hai un ano) e superávit estimado de 9.800 euros.
Na desagregación das diferentes partidas presentadas destaca a destinada ao gasto dos empregados, en concreto no relativo ao custo do primeiro plantel. Se hai un ano esa partida ascendía a 650.000 euros entre xogadores, corpo técnico e empregados (355.000 para o primeiro equipo) incluíndo unha provisión de 75.000 euros para posibles indemnizacións ante o proceso xudicial aberto con Milo Abelleira, nesta ocasión destínanse ao persoal do club 802.200 euros, sen especificar o custo do equipo que todo apunta aumentaría nunha cantidade importante.
Na Xunta Xeral celebrada no Pazo da Cultura de Pontevedra acreditáronse un total de 89 accionistas, supoñendo a representación do 90,72% do accionariado da entidade.