Acéndense as alarmas para o Ribadumia ao caer en Cangas (3-1)

O Salnés
04 de outubro 2015

O equipo de Sierra acumula xa seis xornadas sen gañar (non o fai desde o partido inaugural do campionato), situándose como vicecolista

Partido entre Ribadumia e Boiro na A Senra
Partido entre Ribadumia e Boiro na A Senra / Diego Torrado

Segue a dinámica negativa do Ribadumia, que cae de cheo aos postos de perigo ao ser derrotado no Morrazo polo Alondras, nun partido dominado polo conxunto local, que pola contra accede á zona nobre da táboa.

Jonathan adiantaba aos de Jacobo Montes aos 11 minutos de partido, pero o Ribadumia reaccionaba empatando por medio de Nando no minuto 25.

Os branquivermellos lograrían irse ao descanso cun gol no último minuto, nun remate de Diego Diz, que acusou moito o Ribadumia.

Con todo, o partido non se inclinaría definitivamente ata a recta final cando Andrés lograba o gol da tranquilidade para os locais (minuto 80), sumando a terceira vitoria consecutiva do Alondras, mentres o equipo de Sierra acumula xa seis xornadas sen gañar (non o fai desde o partido inaugural do campionato), situándose como vicecolista.