Acordo pechado do Cisne con Javier Márquez para que sexa o seu adestrador en Asobal

Pontevedra
20 de xuño 2022

O técnico castelán-manchego ten previsto chegar a Pontevedra o vindeiro mércores e será presentado esta mesma semana. Trátase dun adestrador que "encaixa perfectamente" na filosofía do club, sinala o presidente cisneísta, Santiago Picallo

Javier Márquez, na súa etapal Alarcos Ciudad Real
Javier Márquez, na súa etapal Alarcos Ciudad Real

O Club Cisne Balonmán escolleu o sucesor de Jabato no banco do primeiro equipo, ante o reto de xogar por segunda vez na súa historia na liga  Asobal.

O elixido é Javier Márquez, preparador castelán-manchego que a última tempada dirixiu o BM Bolaños de Primeira Nacional pero que conta con anos de experiencia na División de Honra Prata no Alarcos de Ciudad Real.

"Encáixanos perfectamente como adestrador", explicou este luns o presidente cisneísta, Santiago Picallo, sobre o que será o novo técnico do primeiro equipo dentro do proxecto global do club, orientado cara á base.

Márquez ten previsto chegar a Pontevedra este mércores, coa intención de ser presentado oficialmente esta mesma semana, segundo confirmou Picallo.

Ademais da súa experiencia en clubs Javier Márquez tamén traballou nas categorías inferiores da Selección Española.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora