Adestradores de nove países falarán sobre piragüismo en Pontevedra en outubro

Pontevedra
13 de xuño 2022

A oitava edición do Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo celébrase os días 28, 29 e 30 de outubro no Pazo da Cultura e ofrecerá relatorios sobre augas tranquilas, slalom e kaiak polo

Presentación da oitava edición do Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo
Presentación da oitava edición do Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo / PontevedraViva

O salón de actos da Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación acolleu este luns a presentación dunha nova edición do congreso internacional de adestradores de piragüismo. Os días 28, 29 e 30 de outubro terá lugar no Pazo da Cultura a oitava edición do congreso de augas tranquilas, que se complementará coa segunda edición do de slalom e a primeira de kaiak polo.

"O programa é espectacular porque os mellores queren vir tamén a aprender", declarou o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, poñendo en valor a calidade dos relatores, procedentes de ata nove países e entre os que está o presidente da ICF, Thomas Konietzko.

Na presentación do evento participaron, ademais do dirixente do piragüismo autonómico, o presidente da Real Federación Española de Piragüismo, Javier Hernanz; o decano da facultade de Ciencias do Deporte, Óscar García; o director deportivo da Universidade de Vigo, Alfonso Mandado; e os responsables de Deportes do Concello, a Deputación e a Xunta, Tino Fernández, Gorka Gómez e Daniel Benavides.

O carácter formativo deste congreso foi un dos aspectos nos que máis fixeron fincapé os asistentes. "A formación é o máis importante para unha universidade", dixo Mandado. "Somos unha facultade de deporte e temos o compromiso de apoiar este tipo de eventos", engadiu García. "Promover a formación é un dos obxectivos da Federación", incidiu Hernanz.

Sobre o nivel de calidade do Congreso tamén falaron os participantes na presentación para resaltar que cada ano "consolídase e crece con relatorios de slalon e kaiak polo", puntualizou Benavides, quen prometeu o apoio da Xunta porque este evento "consegue moito retorno e cando saímos fóra saben que en Galicia fanse ben as cousas".

Unha das novidades do programa é a inclusión por primeira vez de relatorios específicos sobre kaiak polo, unha modalidade que crece cada ano e que desde a ICF tratan de impulsar para conseguir que acabe sendo unha disciplina olímpica. 

Ademais, o prazo de venda de entradas atópase xa aberto e os interesados en asistir poden adquirir os seus pases por uns prezos que varían entre os 110 e 158 euros. O programa e as modalidades de acceso poden consultarse na web oficial do Congreso. 

"A formación no deporte é continua e é importante formarse con congresos de nivel como este", sinalou o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez. "O piragüismo en Pontevedra é un deporte estratéxico", rematou Tino Fernández