Adrián Esperón e Patricia Martínez progresan no ránking mundial

Pontevedra
30 de maio 2016

A parella pontevedresa de baile deportivo colocouse na sexta posición do ránking mundial na modalidade de 10 bailes tras os seus últimos resultados en competicións internacionais

Adrián Esperón e Patricia Martínez nas rúas de Pontevedra
Adrián Esperón e Patricia Martínez nas rúas de Pontevedra / Mónica Patxot

Paso a paso e tras moitos quilómetros ao longo do globo, Adrián Esperón e Patricia Martínez seguen crecendo como parella de baile deportivo situándose no Top-10 mundial nunha das súas modalides predilectas, os 10 Bailes.

A parella pontevedrsa colocouse na sexta posición do ránking mundial nesta disciplina tras os seus últimos resultados en competicións internacionais, como o Open Internacional de Baile Deportivo celebrado en París durante a fin de semana.

Nas últimas datas Patricia e Adrián encadearon un intenso programa de competicións, que lles levou a estar hai uns días en Polonia para disputar o Campionato de Europa e agora en París.

Agora, tras un paso por Italia para adestrar dirixiranse a unha das probas máis prestixiosas do planeta, o Grand Slam de Hong Kong.