O Arosa SC presentou este martes, 1 de xullo, un novo reforzo para a tempada 2025/2026: Adrián Lombao (A Coruña, 2004), un futbolista novo, versátil e con proxección, que chega a Vilagarcía procedente do Viveiro CF tras asinar unha notable campaña con 6 goles anotados.
Formado nas categorías inferiores do RC Deportivo e posteriormente no Ural Español de División de Honra, Lombao aterra na Lomba con "moita ilusión e ganas de empezar xa", convencido pola ambición do proxecto e a confianza do corpo técnico:
"Decidín vir porque sinto que é o mellor equipo para crecer e axudar tamén ao equipo a facelo. Se crezo eu, crece o equipo", afirmou tras asinar co club arlequinado.
O presidente do club, Manuel Abalo, destacou durante a presentación o potencial da nova fichaxe, ao que definiu como "un dos sub-23 con máis potencial" na categoría:"Todo o mundo fala moi ben del. Meter 6 ou 7 goles co Viveiro con só 20 anos di moito. Está máis que preparado para competir e chegar máis arriba".
Lombao defínese como un xogador con "moita mobilidade en ataque, capacidade de asociación e desequilibrio", cómodo tanto na banda dereita como na esquerda ou na mediapunta.
"Este ano sentinme moi ben fisicamente, dei un salto. Veño para seguir crecendo. Podo achegar moitas ganas, ilusión… e se chegan goles, mellor", comentou na presentación.
Aínda que tivo "varias ofertas, mesmo de maior categoría", o extremo elixiu o Arosa por "o interese mostrado e por crer que é o sitio ideal para seguir progresando".
Sobre o ambiente que se respira na Lomba, a nova fichaxe teno claro: "Xa o ano pasado, cando vin, notei que isto era outra cousa. É o equipo da liga no que máis ganas tes de xogar, polo campo e pola afección".
Con ambición e obxectivos no persoal, Lombao afronta esta nova etapa con esixencia: "Marqueime metas tanto en números como en partidos. Creo que podo facer un moi bo ano aquí", concluíu.
