A planificación do persoal de cara á nova tempada vai como un tiro no Arosa.
O conxunto arlequinado confirmou este sábado a continuidade de dous futbolistas máis, e xa son once os xogadores que formarán parte do equipo en Terceira RFEF.
Trátase de Mario García e Tafa Kanteh, dous xogadores que chegaron a Vilagarcía este último ano e nos que o club decidiu seguir confiando.
O primeiro deles, defensa vigués, chegou o verán pasado. A pesar de levar pouco tempo na entidade, confirmou que sente "como en casa" polo que decidiu continuar vestindo de arlequinado e así "seguir crecendo como futbolista nunha contorna no que me valoran e respéctanme. Vestir de novo a camiseta do Arosa é un orgullo e unha responsabilidade", afirmou.
Para o defensor, a continuidade do proxecto deportivo foi un factor decisivo. "Nótase que o club está a traballar con seriedade, con ambición e coas ideas claras. A Lomba ten algo especial e vivilo desde dentro engancha", recoñeceu.
O que tamén continuará nas filas do Arosa será o central catalán Tafa Kanteh.

A pesar de chegar no último mercado de inverno, tan só puido disputar catro partidos coa camiseta do Arosa, xa que unha lesión de xeonllo obrigoulle a parar e pasar por quirófano.
Xa recuperado, volve a Vilagarcía, o que supón para el "unha felicidade inmensa. Galicia encántame. Desde o día 1 sentín como en casa. Tanto club como corpo técnico e afección arroupáronme desde o primeiro minuto, sobre todo cando máis falta me facía".
Co xeonllo xa ao 100%, Tafa está a prepararse para chegar á pretemporada nas mellores condicións.
Ambos se suman desta forma a un plantel no que xa estaban confirmados Iñaki Matínez, Antón Cocheiro, Luís Castro, Samu Santos, Rivera, Javi Rey, Martín Diz e os fichados Edgar e o porteiro Chema.