Adrián Pumar abandona o balonmán en activo e pasa a formar parte da estrutura de base do Teucro

Pontevedra
20 de xullo 2015

O extremo abandona a práctica deportiva pero seguirá ligado ao Teucro como adestrador do equipo xuvenil masculino e do sénior feminino, ademais de colaborar co coordinador da base, Luis Montes

Adrián Pumar durante un adestramento do Teucro
Adrián Pumar durante un adestramento do Teucro / Daniel Santomé

O ata agora xogador da Sociedad Deportiva Teucro Adrián Pumar non seguirá no primeiro equipo azul a próxima tempada, pero continuará ligado ao club.

Farao como adestrador do equipo xuvenil masculino e do sénior feminino, axudando ademais a Luis Montes na coordinación da base.

Pumar, que chegou ao Teucro hai un ano procedente do Cangas e participou decisivamente no ascenso á máxima categoría, deixará desta forma o balonmán en activo para centrarse na súa faceta de adestrador.

"Farase raro non xogar e á xente estrañaralle, pero ao non renovar tiña nin ganas, nin motivación, nin ilusión por volver empezar noutro equipo", declarou o extremo esquerdo, que recoñece afrontar esta nova etapa "con moita ilusión. Sempre me gustou a faceta de adestrador, hai xa uns cantos anos que adestro equipos de base, esta última tempada cos mais peques e agora é unha boa ocasión para dar un paso máis asumindo a responsabilidade dun equipo xuvenil e un sénior".

Tras desvelarse o futuro de Adrián Pumar el Teucro queda a expensas dalgunha incorporación de última hora que complete un plantel composto actualmente por 13 xogadores.

FERNANDO ZAMACOLA DEIXA O CLUB

Por outra parte o Teucro comunicou que Fernando Zamacola non seguirá no club despois de nove anos traballando como adestrador da base.