Águeda Cons, ao asalto das mínimas para o Campionato do Mundo Junior

Pontevedra
15 de marzo 2017

A nadadora pontevedresa encabeza o equipo do Club Natación Galaico no Nacional Junior que se disputa do 18 ao 21 de marzo en Xixón. Águeda parte co obxectivo de lograr o pasaporte mundialista nos 400 e os 800 libre

Águeda Cons, na primeira xornada do Campionato Galego de Natación en piscina curta
Águeda Cons, na primeira xornada do Campionato Galego de Natación en piscina curta / Mónica Patxot

Despois de despuntar no Campionato de España Absoluto en Piscina Curta, no que logrou o ouro nos 1.500 libre, chega unha das citas marcadas en vermello no calendario de Águeda Cons.

A nadadora pontevedresa encabeza o equipo do Club Natación Galaico no Nacional Junior que se disputa do 18 ao 21 de marzo en Xixón.

Ademais de partir co obxectivo de pelexar polas medallas, é neste campionato no que debe conseguir as marcas mínimas para o Campionato do Mundo Junior de Indianápolis (EEUU), tempos que xa conseguiu noutras competicións e que agora debe confirmar.

Águeda parte con opcións de conseguilo sobre todo en dúas probas, o 800 libre e o 400 libre. Ademais nadará tamén os 400 estilos e o 200 libre.

Outros seis nadadores completan o equipo que presentará o Galaico en Xixón: Clara Otero (50, 100 e 200 libre, 100 costas, 200 estilos), Carla Goyanes (100 e 200 bolboreta, 200 libre, 400 estilos), Nuria Ersella (100 e 200 libre, 100 costas), Inés Gómez (200 e 400 libre), Cibrán Leal (200 braza) e Pablo Juncal (100 libre).

O club pontevedrés chega ademais con claras opcións nas remudas, co mellor tempo de inscrición no 4x200 e o 4x100 libre en categoría feminina.