O Reserpón Poio Pescamar, que vén de anunciar a renovación de todo o seu corpo técnico, dá un golpe sobre a mesa coa incorporación de Aicardo para o debut do equipo en Terceira Nacional tras lograr o ascenso de categoría.
O gaditano chega ao conxunto conserveiro procedente do Exlabesa Leis Pontevedra, equipo lerezano co que pelexou na pasada campaña por un ascenso a Segunda División que se escapou no último partido do play-off.
Jesús de Nazaret Aicardo Collantes, máis coñecido deportivamente como Aicardo (Cádiz, 04/12/1988), é un dos xogadores máis laureados na historia do fútbol sala español con todos os títulos a nivel de clubs na súa vitrina.
Arrincou a súa carreira na súa provincia natal ata que deu o salto á Primeira División da man do Lobelle de Santiago, club co que logrou o seu primeiro título nacional, a Supercopa de España.
Nesta etapa da súa carreira viviu varios momentos para o recordo como o seu debut coa Selección Española. Ademais, Aicardo proclamouse campión de Europa no 2012 da man do combinado nacional.
Tras ese verán, o gaditano asinou cun FC Barcelona co que viviría nove tempadas repletas de éxitos nacionais e continentais entre as que destacan dúas UEFA Futsal Champions League e un subcampeonato mundial coa Selección.
Recalou nas filas do Jaén Fútbol Sala e, tras ano e medio, uniuse a un Peñíscola co que logrou o ascenso a Primeira División.
O gaditano baixou dous chanzos no ano 2024, momento no que aterrou na Boa Vila para unirse ao Leis Pontevedra co que levantou dous títulos de liga de Segunda B e que, lamentablemente, quedou ás portas do ascenso en ambas as ocasións.
A súa incorporación ao Poio supón unha inxección de talento e experiencia para o debut do equipo en Terceira Nacional, ademais de deixar claras as intencións do proxecto deportivo dun club que non deixou de crecer ao longo dos últimos anos.