Elena seguirá defendendo a portería do Poio Pescamar dúas tempadas máis

Poio
26 de xuño 2026

A gardameta conserveira estende a súa vinculación co club por dúas tempadas e únese ás recentes renovacións do técnico Luís López-Tulla, da capitá Ale de Paz e de Carolina Bravo

Partido entre Poio Pescamar e Chiloeches na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Chiloeches na Seca / Cristina Saiz

Continuan os movementos nun Poio Pescamar que non quere deixar os deberes para última hora. Tanto é así que a porteira internacional con España, Elena González, únese ás importantes renovacións de Luís López-Tulla, Ale de Paz e Carolina Bravo de cara á próxima tempada.

Tanto o club como a gardameta segoviana apostan pola continuidade cun acordo de renovación por dúas tempadas, mesma duración que o resto de renovacións anunciadas até a data.

Con catro campañas ás súas costas como xogadora do conxunto conserveiro, Elena xa é unha das pezas fundamentais do proxecto deportivo do club poiense. De feito, é a segunda porteira que máis veces defendeu a meta do Poio Pescamar só por detrás de Silvia Aguete.

Elena chegou ao club en 2022 procedente do Ourense e, desde entón, logrou asentarse como titular indiscutible na portería. O seu bo rendemento levouna a lograr o mesmo éxito na selección Española.

E é que a segoviana se colgou a medalla de bronce sendo titular con España no primeiro Mundial oficial da historia celebrado en metade desta tempada.

Outro dos recoñecementos que falan do gran estado de forma de Elena é o seu recente nomeamento a mellor porteira do mundo do 2025 por parte de Futsal Planet.

É, sen dúbida, toda unha garantía de seguridade e confianza para unha posición tan delicada e importante como é a de gardameta. Se nada se torce, a de Segovia chegará polo menos ás seis tempadas no Poio Pescamar.

Cuerpo técnico del Poio Pescamar masculino
Corpo técnico do Poio Pescamar masculinoPoio Pescamar

CONTINUIDADE NO SENIOR MASCULINO

O equipo masculino segue a mesma liña de continuidade tras apostar pola renovación do corpo técnico de cara á tempada do seu debut en Terceira División Nacional.

Deste xeito Ángel Alfonsín afrontará a súa cuarta tempada á fronte do equipo que logrou o ascenso de categoría hai escasas semanas.

Xunto a el seguirán no corpo técnico o segundo adestrador Fernando Chan, o auxiliar Rubén Seara, o delegado Rafa Caldas e o delegado de pista Juan Lavia.