Tras as primeiras renovacións confirmadas nos últimos días chega a primeira fichaxe nas filas do Poio Pescamar. Trátase de Laura Sánchez, xogadora madrileña de 24 anos que aterra na Seca procedente do AD Alcorcón F.S.F.
Laura comezou a súa carreira no C.F.S. Feminino San Fernando, club no que militou até o ano 2021.
Fichou entón polo AD Alcorcón e alí permaneceu durante cinco tempadas que a afianzaron como unha das xogadoras máis destacadas dun conxunto oleiro que finalizou en quinta posición a pasada campaña.
O debut co cadro madrileño e, por tanto, en Primeira División, fíxoo precisamente contra o Poio Pescamar nun encontro que finalizou con vitoria conserveira (1-5) o 18 de setembro de 2021.
A súa progresión e bo facer dentro do panorama nacional do fútbol sala tivo a súa recompensa en 2025 coa primeira chamada da Selección Española para formar parte dunha concentración no mes de setembro.
O seu debut non chegou até outubro nun dos partidos de preparación para un Mundial do que formou parte ao estar incluída na lista de xogadoras do combinado español.
Alí compartiu vestiario e conviviu con algunhas das súas futuras compañeiras como a gardameta Elena ou a capitá Ale de Paz, cuxas renovacións por dúas tempadas foron anunciadas polo club recentemente.
A súa incorporación reforzará a posición de ala-pívot dun conxunto poiense que, aos poucos, perfila o seu plantel de cara á próxima tempada.