O Peixe Galego pensou nun vello coñecido para que forme parte do seu proxecto en LEB Ouro.
Albert Homs volve a Marín convertido na terceira fichaxe do equipo, no que xa xogou media tempada (2013/2014) cando pertencía a Obradoiro, club que o cedeu ao Peixe e recuperouno a metade de ano para completar o seu plantel de ACB.
Desde entón o alero de 22 anos e 2 metros de altura, formado na canteira do Joventut e internacional en categorías de formación, pasou polo Basquet Coruña de LEB Ouro, chegou a facer a pretempada polo Real Madrid e o pasado curso xogou no CB Prat.
"Albert volve a Marín para retomar impulso, para reivindicarse como xogador, para reencontrarse con sensacións perdidas", aseguran desde o Peixe Galego.
Con el son xa cinco os xogadores confirmados para a próxima campaña, tras as renovacións de Gregorio Adón e Manu Ferreiro e as fichaxes de Javier Múgica e José Siméon.