É o seu primeiro ano na categoría sub-18, pero iso non evitou que siga coa súa progresión e colocouse de novo no cadro de honra do Campionato de España.
Alberto Carrera, da Escola Xadrez Pontevedra, finalizou na terceira posición no torneo nacional celebrado durante a fin de semana na localidade granadina de Salobreña.
O xadrecista pontevedrés conseguiu sete puntos dos nove posible sen perder unha partida en toda a competición, sumando cinco triunfos e catro táboas.
O nivel da competición era alto, xa que Alberto tivo que enfrontarse a varios Mestres Fide como Miguel Santos (Andalucía), Pere Garriga (Cataluña) e Julio Suárez (Galicia). Este último, xogador do Club Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía, proclamouse campión.
Os próximos retos do pontevedrés serán o Campionato de España Absoluto, do 5 ao 13 de agosto en Linares, e o Campionato Europeo que se celebrará en Praga do 18 ao 28 de agosto.