Paso á fronte do Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de xadrez

Pontevedra
03 de agosto 2016

Na súa cuarta edición, que se disputará do 8 ao 14 de agosto, reunirá a preto de 150 xadrecistas de 16 países, con 30 xogadores titulados e Grandes Mestres de Ucraína, Rusia ou Armenia. O Concello outorga á Escola Xadrez Pontevedra 8.000 euros de axuda para a celebración do torneo

Sinatura do convenio entre Concello e Escola Xadrez Pontevedra
Sinatura do convenio entre Concello e Escola Xadrez Pontevedra / Cristina Saiz

Na súa cuarta edición o Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de Xadrez dá un paso á fronte ata "dobrar todos os rexistros de participación do resto de torneos de Galicia".

Así o explicou Pablo García, director técnico do campionato, na firma dun convenio de colaboración co Concello de Pontevedra, que achega 8.000 euros á Escola Xadrez Pontevedra para a súa organización.

Do 8 ao 14 de agosto preto de 150 xadrecistas de 16 países daranse cita no evento, entre eles ata 30 xogadores titulados e Grandes Mestres de Rusia, Ucraína ou Armenia.

"Agora mesmo Pontevedra é o motor do xadrez galego e mesmo nacional", explicou García ao sinalar ademais que paralelamente ao Torneo Internacional se organizará o Campus Internacional Ramón Escudeiro Tilve.

Despois de tres edicións no Casino Mercantil, nesta ocasión o colexio Los Sauces será o escenario do torneo, que repartirá 10.000 euros en premios entre os participantes e que se poderá seguir en directo por internet a través da páxina web da Escola Xadrez Pontevedra.