Alberto Vázquez convértese no novo presidente do Ribadumia

O Salnés
24 de maio 2015

Substitúe no cargo a José Ramón Cores. Foi a única candidatura presentada nunha asemblea extraordinaria de socios celebrada este domingo na sede social do club

Alberto Vázquez (dereita), novo presidente do CD Ribadumia CD Ribadumia

O Club Deportivo Ribadumia ten novo presidente tras a asemblea extraordinaria de socios celebrada este domingo na sede social do club.

Trátase de Alberto Vázquez Ruibal, socio número 32 da entidade e que foi no seu momento concelleiro de Deportes de Ribadumia. A súa foi a única candidatura presentada para substituír no cargo a José Ramón Cores.

Vázquez asume a presidencia e anuncia que empezará de inmediato a traballar para perfilar o equipo que competirá por segunda tempada na súa historia en Terceira División. Para iso solicitou a colaboración da gran maioría de directivos saíntes, aos cales lles pediu a súa continuidade.

Ademais da permanencia do primeiro equipo en Terceiraa, Alberto Vázquez ponse como obxectivo, segundo explicou aos cosios, potenciar o filial e tratar a posible integración no club do equipo de veteranos O Santiaguiño, formado por moitos exxogadores do Ribadumia.

A nova xunta directiva do club aurinegro presentarase ao completo ante os socios nunha nova asemblea convocada o próximo venres 29 de maio ás 21:30 horas, onde tamén se dará a concer o balance económico da entidade.