Alcorcón, sede da primeira xornada de liga para os equipos da Gimnástica

Pontevedra
31 de xaneiro 2017

A Real Federación Española de Atletismo deu a coñecer a composición da primeira xornada das ligas nacionais. Os dous equipos absolutos da Gimnástica, o masculino de División de Honra e o feminino de Primeira División, debutarán na localidade madrileña de Alcorcón

Equipo da Gimnástica na final da División de Honra masculina Sociedad Gimnástica

A Sociedad Gimnástica xa coñece rivais e sede para o seu primeiro enfrontamento da tempada nas ligas nacionais.

A Real Federación Española de Atletismo deu a coñecer a composición do primeiro encontro en División de Honra e Primeira División, nunha tempada na que o equipo masculino do club pontevedrés buscará un ano máis a permanencia na máxima categoría do atletismo nacional e o equipo feminino buscará o propio no seu regreso á Primeira División, tras o seu ascenso do pasado verán.

Ambos os equipos debutarán na localidade madrileña de Alcorcón, os días 29 e 30 de abril. O masculino farao ante o equipo anfitrión, o AD Marathon, Atletismo Salamanca e Unicaja Atletismo, sendo o conxunto madrileño o único que lles supera en coeficiente nos estadillos de marcas.

Pola súa banda o equipo feminino enfrontarase a Atletismo Alcorcón, CEA Tenerife 1984 e Perceiana-Extremadura, con quen xa se viu as caras na fase de ascenso o pasado mes de xuño.