Alejandro Conde convértese na sétima renovación do Cisne para o seu proxecto en Asobal

Pontevedra
05 de xuño 2020

O conxunto adestrado por Jabato apontoa a súa liña defensiva coa continuidade do pivote, que se une á recentemente confirmada de Iván Calvo. Será a súa quinta campaña defendendo as cores do Cisne

Alejandro Conde (27), no partido entre Cisne e Barcelona B da tempada 18/19
Alejandro Conde (27), no partido entre Cisne e Barcelona B da tempada 18/19 / Diego Torrado

O primeiro proxecto do Club Cisne Balonmán na Liga Asobal segue tomando aos poucos forma coa renovacións dos xogadores que lograron o histórico ascenso de categoría.

O último polo momento en responder afirmativamente á proposta de continuidade do club foi Alejandro Conde, que se converte no sétimo home confirmado para a próxima campaña.

Coa súa continuidade o técnico Jabato asegúrase outra das pezas dentro do seu esquema defensivo.

O pivote vigués vivirá así a súa quinta campaña no Cisne "ademais nunha tempada tan especial como esta que imos xogar en Asobal, que é o soño de moitos", explicou tras confirmarse a súa renovación

Alejandro Conde únese así a unha lista na que xa figuraban Álvaro Preciado, Pablo Gayoso, Dani López, Jose Leiras, Iván Calvo e o gardameta Jorge Villamarín.