A Asemblea Xeral da Federación Española de Balonmán reuniuse este sábado para establecer as pautas baixo as que se rexerá a competición durante a tempada 2020-2021.
Entre os acordos aos que chegaron e que afectan directamente o Cisne, está a aprobación de suprimir a obrigatoriedade de formar parte da Asobal para participar na liga da División de Honra, o que abarataría a saída do club pontevedrés nesta categoría.
En canto á votación dos asembleístas, o resultado foi de 62 a favor da supresión da obrigatoriedade de ser socio, nove en contra e sete abstencións.
Outro dos puntos que se puxeron á orde do día, foron as posibles datas de inicio das competicións para a nova campaña.
Por unha banda, a Liga Asobal dará comezo a primeira fin de semana de setembro (os días 5 e 6), mentres que a División de Honra Prata, na que militará o Teucro, dará o pistoletazo de saída dúas semanas despois, os días 26 e 27 do mesmo mes.
Así mesmo, tamén se acordou como estará formada a categoría de prata do balonmán español.
Os asembleístas decidiron durante a reunión, tal e como planeaba a Federación, dividir a categoría en dous grupos de 10 equipos cada un. O resultado da votación foi de 75 votos a favor, tres en contra e cero abstencións.
Con este resultado, o Teucro formará parte do grupo A e terá que enfrontarse ao Novás (Galicia), Lalín (Galicia), Barça B (Cataluña), Bordils (Cataluña), Sarriá (Cataluña), Adrianenc (Cataluña), Burgos, Ibiza (Baleares) e Torrelavega (Cantabria).