A Sociedad Deportiva Teucro xa coñece o camiño que lle espera na atípica tempada 2020/2021, que se o coronavirus non o impide comezará o 26 de setembro na División de Honra Prata.
A Real Federación Española de Balonmán celebrou este luns o sorteo do calendario de competición da segunda categoría masculina nacional, na que militará un ano máis o vicedecano.
Será un ano con cambio de sistema incluído, como se acordou na recente asemblea, con dous grupos de 10 equipos cada un e unha primeira fase de ida e volta. De aí os cinco primeiros de cada grupo disputarán unha segunda fase polo título, mentres que os cinco últimos xogarán pola permanencia. Todo iso arrastrando resultados e puntos dos rivais da primeira fase, ascendendo ao final os dous mellores e descendendo os cinco peores.
Con estes ingredientes o sorteo deparou un inicio na casa para o Teucro, que recibirá na primeira xornada de liga no Municipal ao San Pablo Burgos. Pola súa banda o primeiro desprazamento chegará unha semana máis tarde á pista da UE Sarrià.
En canto aos derbis provinciais, o Atlético Novás visitará Pontevedra na quinta xornada (25 de outubro) e o recentemente ascendido Lalín farao na penúltima data da primeira fase (21 de febreiro).
Os azuis pecharán esa fase inicial o 28 de febreiro fóra da casa, concretamente na cancha do Playasol Eivissa.
O calendario completo da División de Honra Prata 2020/2021 pode consultarse na páxina web da Real Federación Española de Balonmán.