O novo proxecto da Sociedad Deportiva Teucro ten xa á súa cuarta peza confirmada entre renovacións e fichaxes.
Neste caso trátase dunha incorporación, a do pivote de 22 anos Víctor Deco, que se compromete cos azuis para a próxima tempada 2020/2021.
Andaluz de orixe, Deco procede do Maristas Algemesí valenciano, equipo no que militou os dous últimos anos na Primeira Nacional. Antes debutara na División de Honra Prata no Palma del Río cordobés na 16/17, e tamén pasou polo Villafranca de los Barros estremeño.
"Para mí jugar en el Teucro es muy importante para volver a competir en División de Honor Plata además de ser un club histórico del balonmano nacional. Lo sigo desde pequeño y es todo un orgullo para mí jugar este año en este equipo", sinalou o pivote despois de confirmarse a súa fichaxe polo vicedecano do balonmán nacional.
Desta forma Deco, internacional en categorías inferiores, únese a un plantel no que teñen asegurada a súa praza os renovados Marko Dzokic e Caüe Herrera ademais do fichado Miguel Sío.