Roi Sierra renova co Teucro e consolídase como xogador do primeiro equipo

Pontevedra
21 de xullo 2020

O central, que o pasado ano iniciou a tempada no filial pero que foi gañando protagonismo aos poucos na División de Honra Prata, foi confirmado como membro de pleno dereito do primeiro plantel teucrista para o próximo curso

Roi Sierra, no partido entre Teucro e Málaga no Pavillón Municipal
Roi Sierra, no partido entre Teucro e Málaga no Pavillón Municipal / Diego Torrado

Oitava peza confirmada para o novo proxecto deportivo da Sociedad Deportiva Teucro na División de Honra Prata.

Trátase de Roi Sierra, terceiro xogador que o pasado ano contaba con ficha do filial en Primeira Nacional e que dá o salto ao primeiro equipo de maneira definitiva.

O central iniciou o curso pasado co segundo equipo pero aos poucos foi gañando protagonismo e minutos co primeiro plantel.

"É un xogador de moita proxección con gran capacidade de mellora. Sen lugar a dúbida será fundamental en diversas fases de xogo", explicou o club teucrista sobre Sierra tras confirmar a súa renovación.

O xogador pola súa banda, formado no BM Lalín, recoñeceu que "é unha gran oportunidade, para min como xogador, de poder competir a un nivel alto". Pola súa banda sobre a próxima tempada Sierra asegurou que "daremos todo o que podamos para poder lograr os obxectivos".

Roi únese  desta forma a unha nómina de xogadores confirmados que xa engrosaban Jacobo Río, David Rey, Samuel Pereiro, Marko Dzokic, Caüe Herrera e os fichados Miguel Sío e Víctor Deco.