Alejandro Gómez, xogador do Teucro: "Renovo porque quero ter unha experiencia nun equipo de Prata"

Pontevedra
29 de xullo 2020

O canteirán teucrista, do mesmo xeito que Pedro Sánchez e Sergio Varela, contará con ficha do filial pero alternará presenzas co primeiro equipo

Renovación de Alejandro Gómez co Teucro
Renovación de Alejandro Gómez co Teucro / SD Teucro

Xunto a Pedro Sánchez e Sergio Varela, un terceiro xogador da canteira da Sociedad Deportiva Teucro empezará este curso para asomar a cabeza polo primeiro equipo na División de Honra Prata.

Trátase de Alejandro Gómez, lateral esquerdo que do mesmo xeito que os seus dous compañeiros terá esta próxima campaña ficha co filial pero que adestrará ás ordes de Irene Vilaboa co primeiro plantel e alternará convocatorias en Prata e Autonómica.

Formado no Teucro desde categoría prebenxamín, o de Alejandro é un exemplo máis do peso que terá a partir de agora a canteira no renovado proxecto teucrista.

"Renovo porque quero ter unha experiencia nun equipo de Prata e gustaríame aproveitar a oportunidade que me deron este ano", asegura o xogador.

De todos os xeitos será o seu primeiro ano nunha categoría tan esixente como a División de Honra Prata, polo que "o meu obxectivo é facelo o mellor posible e coller experiencia canto antes para non quedarme atrás, independentemente do resultado gustaríame aproveitar ao máximo a experiencia e ver que tal me desenvolvo cos novos compañeiros e coa adestradora", explicou o canteirán tras confirmarse a súa renovación.