Rebaixa nos prezos para unha campaña de socios do Teucro que é "máis que balonmán"

Pontevedra
30 de xullo 2020

O club pontevedrés, no medio da incerteza provocada polo coronavirus, estableceu unha rebaixa nos prezos para facerse socio que no caso da categoría sénior chega ao 37%

Afección do Teucro no partido contra o Palma del Río no Municipal
Afección do Teucro no partido contra o Palma del Río no Municipal / Diego Torrado

A Sociedad Deportiva Teucro non puido celebrar como se merece o seu 75 aniversario debido á cancelación da tempada, por iso a súa nova campaña de socios segue vinculada a esta efeméride.

A campaña, bautizada como "Máis que balonmán", ten moi presente a situación de incerteza provocada polo coronavirus, polo que ofrece unha importante rebaixa no prezo dos abonos, que no caso da categoría sénior chega ao 37%.

"Renovar o abono é algo máis que ver un partido de balonmán, é un sentimento de pertenza, superación e perseveranza", sinala o club pedindo o apoio da súa masa social porque "é momento de unirnos e reencontrarnos co que tanto nos apaixona".

Desta forma, coa rebaixa aprobada pola xunta xestora da entidade, os prezos para facerse socio do Teucro na tempada 20/21, na que competirá na División de Honra Prata, quedan da seguinte maneira:

CATEGORÍA PREZO
Infantil 10 euros
Xuvenil 25 euros
Sénior 75 euros
Bonificado 50 euros
Familiar 150 euros

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora