Jacobo Río, segundo ascenso desde o filial ao primeiro equipo do Teucro

Pontevedra
20 de xullo 2020

O lateral esquerdo, de 19 anos e que ata o de agora contaba con ficha no segundo equipo, será membro a pleno dereito do primeiro plantel teucrista en División de Honra Prata

Renovación de Jacobo Río co Teucro
Renovación de Jacobo Río co Teucro / SD Teucro

A semana iníciase con renovación na Sociedad Deportiva Teucro, que empeza a confirmar aos xogadores procedentes da súa filial e que pasarán a ser xogadores de pleno de dereito do primeiro plantel.

É o caso de Jacobo Río, que este luns converteuse no segundo integrante do conxunto B que a pasada campaña militou en Primeira Nacional confirmado como xogador de División de Honra Prata, seguindo os pasos de David Rey.

O xove lateral esquerdo, de 19 anos e formado na Coruña, aterrou no club teucrista na campaña 18-19 para militar no seu equipo xuvenil, e posteriormente subir ao filial, onde o último ano participou asiduamente nos adestramentos do primeiro equipo.

"É un xogador cun gran abanico de evolución onde aos poucos irá gañado experiencia", sinalan desde a parcela técnica do  vicedecano.

Pola súa banda o xogador explicou que "renovo no Teucro porque é un equipo serio no que me achegou moito para poder mellorar neste deporte, e paréceme unha moi boa opción".

Río asegurou ademais pensando na próxima tempada que "espero traballar duro día a día, e competir o máximo para poder cumprir todos os obxectivos".

Coa súa renovación son sete os xogadores confirmados para o proxecto que dirixirá Irene Vilaboa desde o banco, ao unirse a David Rey, Samuel Pereiro, Marko Dzokic, Caüe Herrera e os fichados Miguel Sío e Víctor Deco.