A Sociedad Deportiva Teucro comeza a esfollar a margarida dando a coñecer os nomes dos xogadores que defenderán a súa camiseta a próxima tempada na División de Honra Prata, nun curso onde a renovación no plantel será importante.
Con todo de momento, á parte da fichaxe dun vello coñecido da afección pontevedresa como Miguel Sío, é a quenda de coñecer renovacións.
O primeiro en pechar a súa continuidade foi Marko Dzokic, e agora tocoulle a quenda ao brasileiro Caüe Herrera, xogador que chegou ao club no mes de febreiro para reforzar a un equipo en apertos e que a pesar de non contar con moito tempo de xogo para demostrar as súas calidades pola cancelación da competición convenceu aos responsables deportivos teucristas da súa valía.
Iso si, o Teucro agarda del que dun paso adiante e se converta nun xogador importante dentro dos esquemas de xogo de Irene Vilaboa. "Contará cun papel importante tanto nas tarefas ofensivas como defensivas", confirma o club sobre un home ao que ven "dominante no xogo de ataque".
Caüe chegou a Pontevedra tras militar en diferentes equipos do campionato brasileiro e gozar dunha última experiencia deportiva no PAS Aeropos Edessas da liga grega. A súa vinculación co Teucro prolongarase, inicialmente, por unha tempada.