A Sociedad Deportiva Teucro confirmou este mércores á que é a súa terceira fichaxe, coa que dá un paso máis na planficación da tempada 26-27 na que aspira a pelexar na Primeira Nacional polo ascenso de categoría.
Esta terceira incorporación é a de Álex López, xogador que a última tempada defendeu as cores do outro equipo da cidade, o Club Cisne, na División de Honra Prata.
O lateral vigués, de 22 anos de idade, formouse na canteira do AD Carballal chegando a participar nas categorías de formación da Selección Española.
Na campaña 24-25, antes de dar o salto ao Cisne, asinou 131 goles en 30 partidos co Carballal sendo o máximo anotador do seu grupo en Primeira Nacional.
"Álex é o tipo de xogador que todos os adestradores queremos ter, traballador e moi completo, pois se desenvolve ben en tarefas defensivas e ofensivas, e que ademais pode desempeñarse en varias posicións. Daranos un salto de nivel importante no equipo", asegura o seu novo adestrador, Sergio Carballeira.
"Cando xogadores deste nivel apostan polo Teucro, fala alto e claro do proxecto que está a construír o club, estamos moi contentos coa forma que está a coller o equipo", engade o técnico.
Álex López pode "actuar en ambos os dous laterais da primeira liña, destacando pola súa capacidade de desequilibrio, lanzamento exterior e personalidade competitiva", afirma o Teucro.
O vigués únese desta forma á lista de fichaxes teucristas na que xa figuraban André De Moura e Álex Gómez.