Alexander Kachelaev desvincúlase do CGTD tras 30 anos formando os loitadores galegos

Pontevedra
13 de xaneiro 2022

O adestrador ruso, fincado en Pontevedra desde hai 30 anos, apártase do traballo diario como adestrador pero continuará colaborando coa loita olímpica galega como ligazón dos grandes eventos internacionais previstos durante estes próximos anos na Boa Vila e en Galicia

Alexander Kachelaev, na visita de Alberto Núñez Feijóo ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva
Alexander Kachelaev, na visita de Alberto Núñez Feijóo ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva / Mónica Patxot

O crecemento e boa saúde actual da loita olímpica galega ten un nome propio, o de Alexander Kachelaev (Moscova, 1946).

Desde a súa chegada a Galicia no ano 1990 foi o responsable da formación de centos de deportistas, estando detrás de máis de 150 medallas de deportistas galegos en campionatos nacionais e da súa participación en eventos internacionais.

Agora, este veterano técnico di adeus á que foi a súa segunda casa, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, ao desvincularse do seu posto como responsable na formación dos deportistas bolseiros pola Xunta na sección de loitas olímpicas.

Kachelaev ocupou este cargo desde o ano 1992 ata a actualidade, pero agora dá un paso ao carón aínda que seguirá colaborando co deporte que ama.

Chegado desde a antiga Unión Soviética e cun currículo envexable ás súas costas (foi adestrador xefe de loita  olìmpica do equipo nacional da URSS e exerceu de responsable da organización dos deportes de combate durante os Xogos Olímpicos de Moscova 1980), agora o técnico ruso achegará o seu gran de area nun novo labor, como encargado das relacións internacionais para os grandes eventos que terán lugar en Pontevedra e en Galicia durante os próximos anos, empezando polos mundiais de Grappling e de Loita Sub-23 que terá lugar en outubro na Boa Vila.

A súa marcha, aínda que non sexa unha desvinculación completa, deixa con el un gran legado tras formar á columna vertebral da loita olímpica de Galicia durante tres décadas.